ABANCA e os empresarios de talleres de reparacións de vehículos de Pontevedra acordan novas liñas de crédito

Publicado el por Departamento de Comunicación CEP (autor)

 (photo: )
  • O banco e ATRA asinan un convenio con múltiples opcións de crédito para asociados e a nova oferta APRAZOS para os clientes
  • Os profesionais gozarán de mellores condicións na contratación de produtos da entidade financeira galega

ABANCA e a Asociación de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra (ATRA) veñen de acadar un novo acordo de colaboración en materia financeira, co que reforzan a súa alianza para impulsar o sector e que permite facilitar o crédito en condicións vantaxosas aos profesionais desta organización.

O presidente da Asociación de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra, Enrique Fontán Hermida, e o director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez Martínez, rubricaron hoxe o convenio de colaboración que renova o compromiso que mantén a entidade financeira galega co tecido produtivo e as pemes e autónomos da Comunidade.

O crédito é unha das pezas básicas do texto asinado entre ámbalas dúas entidades. Os asociados de ATRA accederán a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos hipotecarios, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe condicións especiais na contratación de liñas de comercio exterior.

Ademais, os talleres de reparación de vehículos de Pontevedra adheridos a ATRA poderán beneficiarse doutras fórmulas de financiamento, como as contempladas no Plan Activamos, unha iniciativa conxunta de ABANCA e a Deputación de Pontevedra que inclúe liñas de crédito con baixos tipos de xuro para facilitar o emprendemento, os novos investimentos, a creación de emprego, o financiamento de circulante ou a mellora enerxética das pemes e autónomos da provincia. Do mesmo xeito, dende as oficinas de ABANCA tamén se facilitará a información relativa ás opcións de financiamento a través dos  convenios oficiais de ICO, Igape e Sogarpo.

Servizo APRAZOS

Grazas a este convenio, os asociados poderán acceder ás ventaxosas condicións do novo produto de ABANCA pensado para reforzar a competitividade dos seus negocios: APRAZOS. Con este servizo único, os clientes da entidade financeira poden acceder a financiamento totalmente adaptado e de ata 36 meses no propio punto de venda. Os profesionais pertencentes a ATRA tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento dos dispositivos TPV.

O convenio tamén engade as vantaxes do programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. Igualmente, a entidade financeira porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.

ATRA naceu no ano 1976 e xa agrupa os intereses de máis de 730 talleres que operan na provincia, cun censo laboral de 4.000 traballadores por conta allea e 1.000 traballadores autónomos. ABANCA é a primeira entidade financeira en Galicia. Conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta financeira orientada a atender as necesidades de familias, micropemes, pemes e autónomos.